UNHA RIA EN PE DE GUERRA
Artículo admirable publicado no XORNAL.com (de Galicia) o día 5 de setembro 2010 (por SONIA DAPENA E ALBA SUÁREZ)
Consignas coma ‘a ría é nosa e non de Reganosa’ volvéronse case un eco en Ferrolterra, onde a mobilización social contra a planta é tan vella coma o propio proxecto empresarial.
A Regasificadora del Noroeste (Reganosa) é a historia dunha década de conflito social e político na ría de Ferrol. A proximidade ás casas, a estreiteza da propia ría e, en xeral, a perigosidade da planta de recepción, almacenaxe e transformación de gas natural licuado de Mugardos causou dende o principio o rexeitamento de veciños e ecoloxistas ao proxecto. A escura e dubidosa tramitación coa que a Xunta de Fraga apadriñou e rematou por autorizar a instalación ría adentro quentou máis os ánimos, nunha loita na que mesmo mandos da Armada –logo destituídos– alertaron dos riscos da instalación industrial, e que pasou por episodios violentos coma o bloqueo da ría para evitar o paso dos gaseiros que levou ao cárcere hai tres anos o entón representante dos mariscadores, Bernardo Bastida. A loita social continúa impulsada polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, que teima no seu empeño de botar a factoría fóra da ría.
Os cambios no seo da empresa gasística volven desatar o debate sobre a dubidosa conveniencia de ter unha industria perigosa instalada nunha zona de alto valor ecolóxico –mais degradada– e arrodeada de núcleos de poboación, especialmente cando existe un porto exterior na entrada da ría. O impacto ambiental que causa a planta é un dos seus principais puntos febles. A cuestión ambiental está nos tribunais, nos que os afectados confían para gañarlle a batalla ao que consideran unha ameaza á seguridade e ao medio.
As protestas do Comité Cidadán de Emerxencia estiveron apoiadas case dende un principio pola avogada Patricia Gabeiras –filla dun dos principais impulsores da contestación cidadá á planta dentro da ría–, que dez anos despois de comezar o seu camiño contra Reganosa di ter unha parede chea de expedientes sobre as distintas vertentes da regasificadora. Gabeiras fala de memoria cando indica que actualmente debe haber uns oito recursos pendentes. “A lentitude dos tribunais é espantosa”, lamenta.
En concreto, o proceso xudicial máis importante na opinión da letrada é o que alude á autorización para a construcción da planta dentro da ría. “Para que che dean ese permiso tes que acreditar pola Ley de Hidrocarburos tres supostos: que se respectará a normativa ambiental, a normativa sobre ordenación do territorio e urbanística e que a planta é viable técnica e economicamente”, explica Gabeiras. Unha vez se cumpren estes requisitos, o Ministerio de Industria vai facilitando a construción, pero Reganosa conseguiu eses permisos malia que non conta coa declaración de impacto ambiental precisa –o Comité ten dúas sentenzas ao seu favor do TSXG que a Xunta recorreu ao Supremo– e que o PXOM de Mugardos, segundo Gabeiras, se modificou para facelo á medida da empresa, recurso que os afectados tamén gañaron ante o TSXG. Os últimos procesos xudiciais en comezar foron os referidos aos vertidos á ría de Ferrol e os futuros dragados nos fondos mariños para facilitar o paso dos gaseiros, algo que xa denunciara Adega hai uns meses por afectar a hábitats de importancia.
No estudo ambiental que aprobou a Xunta (un sucedáneo da Declaración de Impacto Ambiental) non se analizou a necesidade de dragados nin a proximidade cos núcleos de poboación. Así, é o propio Executivo autonómico o que ten recorrido as sentencias contra a planta en varias ocasións. A escura tramitación dos permisos da planta –mesmo cun convenio de colaboración confidencial coasinado por Manuel Fraga– é unha das partes máis críticas da historia de Reganosa.
A ría de Ferrol é o sustento dun millar de mariscadores das confrarías ferrolá, de Mugardos e de Barallobre. Os traballadores do mar faenan case na mesma linde coa planta. “A distancia de seguridade é pouquísima”, admite o patrón maior da Confraría de Pescadores de Ferrol, José Luis Estévez.
A DEGRADACIÓN DA ZONA PRODUTIVA
O patrón maior cre que “algo terán que ver” os vertidos de Reganosa con feito de que a última clasificación da Consellería do Mar “incrementara nun 75% a zona C”, é dicir a área na que os niveis de contaminación impiden o consumo de marisco fresco. Os mariscadores quéixanse de que a auga que devolve ao mar a regasificadora logo de usala para arrefriar os tanques prexudica o marisco, xa que o proceso industrial mata os seres vivos desa masa de auga que alimentan as especies.
Os mariscadores seguen en pé contra Reganosa, pero tras os paus da etapa de maior conflitividade rebaixaron agora a súa intensidade. “A toalla non a tiramos nunca, perdemos unha batalla pero non a guerra; o que pasa é que agora que a planta xa está instalada, o que pedimos é que se non a quitamos de aí polo menos que non siga avanzando, que non haxa máis recheos”, expón o patrón maior con certo tono de resignación.
A estreiteza da ría fai que os metaneiros teñan que entrar de día e con marea chea para non embarrancar. Os mariscadores tamén se queixan de que cando non hai espazo nos peiraos, os gaseiros fondean en zonas de marisqueo. “Cando pasa isto nós non podemos traballar alí e ás veces mesmo algún barco nos leva os aparellos enganchados á hélice”, láiase. “Este non é un sitio adecuado, porque temos o porto exterior que practicamente o fixeron para que fora a planta alí, e agora que non foi así, xa é difícil cambiala”, engade.
Escépticos sobre a posibilidade de botar fóra esta industria, os mariscadores reivindican que xa que lle está causando dano á ría “polo menos que dea un 1% da súa produción para investir algo na súa recuperación”.
Mentres tanto, os buques cargados de gas natural licuado (GNL) continúan entrando na ría de Ferrol aproveitando a marea alta a través dunha angosta vía de 150 metros de ancho ata chegar a punta Promontorio para descargar gas que se almacena e se procesa para volver ao seu estado gaseoso, e cruzar Galicia polos gasodutos que chegan ás centrais de Endesa e Fenosa en As Pontes e Arteixo para xerar electricidade.
http://www.xornal.com/artigo/2010/09/05/suplementos/contexto/ria-pe-guerra/2010090422313601835.html#imprimir