Archive for the ‘Artículos’Category

O PLENO MUNICIPAL DE FERROL SE DESENTENDE DOS RISCOS DA PLANTA DE GAS.

Lemos hoxe o seguinte artigo de Rafael Pillado (Asociación Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia) que publica El Diario de Ferrol -xoves 7 de maio de 2009

O Pleno Municipal de fin de mes, no que se tratou o tema da planta de gas de Reganosa, se desentende.

A moción presentada por Esquerda Unida, en contra da pretensión de Reganosa de ampliar a súa capacidade de gasificación, pasando dos 325.000 m3/h inicialmente concedidos aos 825.600, foi rexeitada polo Pleno. Os sete votos do PP, máis dous do BNG en contra, e a abstención dos nove votos do PSOE, impediron que os catro de EU, máis tres de IF, sacaran adiante aquela moción.

¿Pero, de que se trataba?

A cuestión é que o Ministerio de Medio Ambiente recibiu de Reganosa unha proposta de ampliación da súa capacidade regasificadora. Canta máis cantidade autorizada, máis cobran, independentemente da cantidade que produzan. En base a esa proposta, o Ministerio se dirixe a tódolos Concellos da comarca e diversas asociacións, entre elas Fuco Buxán, para consultar “si el proyecto debe someterse o no al procedimiento de evaluación de impacto ambiental”, como establece a Lei.

Teñamos presente que, de aprobarse esa pretensión de Reganosa, se disparará o perigo das instalacións gasísticas, se multiplican os riscos polo incremento da entrada e saída de gaseiros e dende logo, acelérase a destrución da ría polo volume de auga sustraída e esterilizada.

É chamativo que ningunha das forzas políticas contactadas polo Comité Cidadán de Emerxencia tivesen a menor información sobre esa consulta do Ministerio. E si outros Concellos da comarca a recibiron, lóxico é que o de Ferrol a tivera tamén. ¿Como é posible que se escondera? ¿Como se pode xogar con un tema sumamente perigoso como é este?

En calquera caso, a presentación da moción era suficiente alarma como para que ninguén ignorase a cuestión.

¿Cabe mirar para outro lado?

Si comezamos polo goberno municipal, teremos que dicir que peca de irresponsabilidade. Primeiro por non dar a coñecer a tódolos grupos a consulta. Segundo, e aínda máis grave, por non pronunciarse non so ó respecto do perigo, senón do cumprimento da Lei ¿Como xustificarán o seu silencio no caso dun accidente? ¿Que dirán ás vítimas no caso de producirse? A abstención do grupo socialista non ten explicación. ¿Ten dúbida de se debe aplicarse a Lei a unhas instalacións altamente perigosas? Lamentable. Nin sequera se lles preguntaba si estaban de acordo ou non con Reganosa. Nin arre, nin só

Pero por outra banda, o actual Secretario Xeral do PSdeG e anterior Conselleiro de Medio Ambiente recoñecía tras a derrota electoral que se equivocaran en dous temas clave, a Planta de Gas e a Cidade da Cultura. Se iso é así, diante dun erro, so cabe correxilo. Non foi o caso.

A posición do PP pode explicarse facilmente. Fraga e os seus socios foron quen de aprobar a instalación da planta no interior da ría e seguen sendo fieis a ese compromiso. Dende logo, esa fidelidade non é con quen vivimos e traballamos nesta comarca. Impórtalles un rábano o que pase coa poboación circundante.

É menos explicable o voto negativo do BNG, sumándose ao PP. O seu portavoz , señor Pita, pechou o tema dicindo que a cuestión “está moi debatida”. Olvidábase que un tema desta envergadura nunca está debatida de máis. E vai estar presente na vida política mentres estas instalacións non saian do interior da ría de Ferrol.

Pero, ademais, contradícese co manifestado por Paco Rodríguez no vídeo “O salario do silencio”, no que dicía: “… calquera redimensión da planta non se tolerará, eso si que o temos claro, se se vai redimensionar, a nosa posición será que non”. ¡Ve señor Pita, as cousas teñen recorrido, non están debatidas para sempre! Nen sequera tiña en conta aquelas declaracións. Mandan máis os poderes fácticos. E parece que a derrota electoral non se debe a ningún erro. Deberá clarificalo.

Independentes por Ferrol e Esquerda Unida, co seu voto, expresaban a actitude coherente e valente que veñen mantendo dende sempre porque a Planta de Reganosa saia do interior da Ría.

Pola súa banda, o Comité Cidadán de Emerxencia, a través das diferentes asociacións, conclúe no seu RECURSO que non cabe conceder autorización de ampliación de Reganosa, porque esa planta non ten feito estudio de impacto ambiental, e polo tanto, é ilegal.

Non se entende a deixación do Pleno nun tema que pode afectar a miles de persoas desta comarca. Esa renuncia é imprudente e irresponsable. A nosa vida está en xogo.

07

05 2009

Movemento sísmico na Ría de Ferrol: A TERRA FALOU

Lemos hoxe o seguinte artigo de José Torregrosa (escritor e director de RAZON SOCIALISTA – Asociación Fuco Buxán) que publica El Diario de Ferrol -venres 20 de marzo 2009- e que adica a Carmelo Teixeiro

Un movemento sísmico de intensidade 2,6 na escala Ritcher, con epicentro a 16 Km de profundidade en terras mugardesas, segundo o Instituto Xeográfico, é recollido, con grandes titulares, pola prensa. Ata se recorda que, en abril 2006, un terremoto de magnitude 5, afectou a Ferrol e á súa área de influencia.

Curiosamente, na maioría destas informacións, fronte aos meros (e preocupantes) datos estatísticos ou o folclore dos sustos, tan xustificados, da cidadanía, botábase de menos unha referencia á relación destes fenómenos coa situación de alteración sistemática no equilibrio ecolóxico da nosa ría, onde se achan presentes tres industrias, dun total de dez, as máis perigosas a nivel galego, que poden verse afectadas, provocando unha desastrosa reacción en cadea ou efecto dominou, sen escapatoria posible.

Unha vez máis, os “muros de silencio”, dos que falaba o recordado Xeneral Gabeiras, presidente de honra do Comité Cidadán de Emerxencia, volveron levantarse entre a anécdota e a información de fondo que esixe non só veracidade senón perspectiva dunha situación recollida con minuciosidade e criterio obxectivo no magnífico artigo de Rafael Pillado “Ría de Ferrol:no ollo do furacán”, publicado recentemente neste xornal.

A todos os argumentos alí expostos, que nunca foron desmentidos, quizais sexa necesario engadir unhas consideracións sobre o que pode estar ocorrendo ante os nosos ollos e que debe importarnos porque, con “plans de emerxencia” ou sen eles, o que nos estamos xogando todos é vida e facenda, é dicir: futuro. Poida que non advirtamos, a estas alturas, a destrución programada da nosa riqueza marisqueira, pan de tantas familias; poida que non valoremos o que significa durmir cunha “bomba”, varias bombas, dentro da ría, sexan ou non un obxectivo terrorista (véxase o artigo de gaceta.es, reproducido na web do Comité Cidadán); quizais tamén perdamos a conta do número de gaseros que se aventuraron a cruzar a boca da ría, poñéndonos a todos en perigo e que esta mesma semana alcanzan xa o número 42. Pero, seguramente chegue o momento de considerar os avisos que desde a Nai Terra estamos recibindo no sentido de que deberiamos andarnos con ollo, pois estamos planeando alterar profundamente, a base de dragados, unha zona de influencia sísmica considerable. A cambio de que? De solucionar un problema enerxético que nunca existiu? Desa tan prometida e nunca chegada choiva de postos de traballo? Da repartición de riquezas, urbi et orbi, na zona? Ou se trata dunha capítulo máis de favorecer os negocios do amigo, non importa o risco certo que poidan correr as poboacións?

Un dos lemas máis coreados en Santiago durante unha recente e masiva concentración foi Goberne quen goberne, Galiza non se vende!. Ademais do seu moi triste valor profético (fosen outros os resultados electorais se o Goberno Galego non estivese, durante o seu mandato, mantendo abertos, nos catro puntos cardinais de Galicia, conflitos como o da planta de gas de Mugardos, a Cidade da Cultura, a destrución sistemática da paisaxe e un longo etc. que lanzou a miles de galegos á rúa a gritar de novo Nunca máis?). Quizais, e agora máis que nunca, o PSG-PSOE e o BNG deben reflexionar sobre o número de votos que puido restarlle non baixarse dun tren cuxo condutor era ese eterno Sr. Fraga, cos seus acordos secretos e a sua megalomanía.

En canto ao PP, en cuxas filas non todos están de acordo coa planta, manifésteno ou non en voz alta, boa ocasión sería de demostrar, se son capaces, ese talante moderno que prometen, o que lles permitiría librarse do seu ronsel cavernario…

Cada cal debe darse a súa resposta. O importante é que a loita continúa e imos esixir, a continuar esixindo como vimos facendo desde hai case unha década, que se acabe con esa irracionalidade que é a planta de gas de Reganosa.

A terra xa falou e está claro que non se anda con bromas. Se ela treme, non deberíamos nós empezar a asustarnos e a tomar medidas?

21

03 2009

RÍA DE FERROL, NO OLLO DO FURACÁN

Lemos hoxe dia 11 de Febreiro o seguinte artigo de Rafael Pillado (membro do CCE) e que publica Diario de Ferrol

O Conselleiro de Medio Ambiente, no seu paso por Ferrol o 27 de Xaneiro, anunciou o seu compromiso coa Ría declarándoa “zona sensible”. Sinalando ademáis, que a “bocana da Ría é moi estreita e os riscos da deteriorización das augas son maiores”. Engadía que a partires do ano 2009 poñerá en marcha “un plan de controis de verquidos, inspección e análise da ría, que pretende diagnosticar os pequenos verquidos que poderían escaparse ós controles de maior envergadura”.

En outras circunstancias, poderiamos considerar esas declaracións como un paso positivo. Sen embargo, e paralelamente a esas declaracións, dous días despois, o 29 o Diario Oficial de Galicia recollía o anuncio de Reganosa para licitar a ampliación de capacidade de regasificación, multiplicando por dous e medio a actual capacidade.

Tal decisión supón varios e graves problemas:

1°.- Si a situación actual é de degradación, na que se utilizan 300.000 toneladas diarias de auga da ría para quentar o gas, e que volve ó mar moito máis fría, esterilizada e contaminada de cloro, con esa ampliación, pasaría a 600.000 toneladas por día.

2°.- O número de gaseiros que entrarían na ría, pasarían dos actuales 36 ó ano, a máis de 100, o que multiplicaría os riscos para toda a poboación. E ninguén sabe que licencia e que tramitación medioambiental se fixo para que se autorice esa ampliación, nin tampouco se sabe cal foi a postura dos conselleiros de Medio Ambiente e Pesca nesa decisión.

3.- Por outra banda, en clara contradición coas declaracións feitas, esa Consellería otorgou a Forestal do Atlántico a Autorización Ambiental Integrada, rexeitando as alegacións de varias asociacións que mostraban os datos fraudulentos aportados pola empresa. De tal xeito que se autorizou verter á ría 351.475 toneladas diarias de augas residuais. E vexamos ademáis que, o proxecto de depuración da banda sur da ría, que recorre dende Fene a Ares, deixa á marxe os verquidos de Forestal e Reganosa, que van sin depurar ó mar.

E aínda máis, o presidente da Xunta, Sr. Touriño, o día 30 de Xaneiro anunciou que “Antes do remate da próxima lexislatura, nos anos 2011-2012, estarán saneadas as rías na súa totalidade”.

Nas circunstancias actuais, tanto o anunciado polo conselleiro como polo presidente é imposible na ría de Ferrol. Ou descoñecen a realidade, ou simplemente a ocultan. En calquera dos casos, é grave.

A única forma de cumprir eses compromisos é sacando a planta de gas de Reganosa do interior da nosa ría. Si, nos gustaría que iso se fixera pola decisión dos dirixentes políticos galegos antes de que os tribunais e a presión cidadá o consigan.

O conselleiro terá que explicar esa contradición. E tamén ¿por que esa excepción con Ferrol? ¿En beneficio de quen?

Incluso, o anuncio da creación de emprego no marisqueo galego, choca frontalmente coas tendencias na nosa comarca.

Non nos cansaremos de repetir que, un sistema baseado na destrución do medio, como estamos a vivir, non ten futuro e se encamiña a un grande fracaso.

Por último, quixeramos saber onde quedou o argumento de que Reganosa é unha empresa estratéxica para Galicia. Porque é previsible que as decisións de Reganosa queden nas mans dunha empresa catalá ou aínda máis probable, dunha empresa italiana.

Ver para crer.

11

02 2009